Paco Herrera finalmente puido contar no equipo titular con Roberto Lago, polo que as únicas mudanzas do seu once de luxo foron a entrada de Ortega no canto de Vila e de Vítor Vázquez no lugar do seu paisano Hugo Mallo. O que si mudou bastante foi o debuxo táctico. López Garai xogou como pivote defensivo facendo parella con Bustos e Trashorras e Álex López ocuparon o posto de mediocampistas creativos. Por diante, a dupla de dianteiros David Rodríguez-De Lucas.
Os primeiros minutos foron de indefinición. O Xerez xogaba con dúas liñas defensivas de catro homes e impedía o que mellor lle sae ao Celta, o pase ao oco e a carreira dos seus futbolistas máis talentosos. O xogo andaluz abafou a David Rodríguez, que fixo un partido moi discreto, e mantivo atado de pés e mans a Trashorras, que só brillou a balón parado.
A pesar do mal xogo, o Celta conseguiu adiantarse. No minuto 31, De Lucas recibe na área pequena nunha xogada na que lles pareceu aos xerezanos que o futbolista catalán estaba en fóra de xogo e bate a Chema facilmente. Sen merecelo, os galegos estaban por diante.
Coa vantaxe no marcador, os celestes tiveron máis espazos e o seu xogo de bandas foi máis fluído. Con todo, Vázquez na banda dereita foi moito máis timorato que Mallo e Lago empezaba neses intres a demostrar que talvez non estaba para moitos "trotes". O segundo gol tívoo Trashorras na biqueira, cando lanzou unha falta directa á cruz da porta.


Logo do descanso, o Celta empezou moi inseguro. Foron estes minutos os mellores dos visitantes, que foron pechando os vigueses no seu campo. Ao pouco, Lago tivo que retirarse e velaí puido estar a clave do empate. Herrera non ten lateral esquerdo suplente. E non quixo traer a ninguén para ese posto do filial ou do xuvenil. Como resultado, Dani Abalo substitúe o defensa vigués. Pasa Vítor Vázquez a xogar na esquerda e o vilagarcián nesa imposíbel posición de lateral-extremo dereito. Así e todo, Abalo puido resolver o partido acabado de saír. Fixo dúas xogadas excelentes por banda e nunha delas deulle un pase de cinema a Álex López que o ferrolán estragou.

O segundo cambio de Herrera foi estraño. David Rodríguez sae do campo e entra por el Túñez. Os celestes pasaron a xogar con tres centrais, dous carrileiros e unha maré de mediocampistas que non tiñan moi clara a súa xerarquía. Todos menos Trashorras e Bustos. O alacantino foi o mellor do seu equipo, cortando balóns e incluso tentando atacar, como nunha boa xogada na área contraria que non puido finalizar ninguén. O de Rábade volveu ensaiar unha falta case perfecta. É ben raro darlle na cruz do traveseiro dúas veces nun só partido.
Nos últimos minutos, De Lucas fixo un contraataque directo que rematou bruscamente por unha entrada na liña da área que nin sequera mereceu falta.
Pouco despois, o Xerez colga un balón desde o seu campo, José Mari peitéao cara a atrás e Bermejo fai o empate con maña diante de dous defensas. Era o minuto 90.
Este resultado obriga o Celta a recuperar o seu mellor fútbol para salvagardar o seu segundo posto, ameazado por un Rayo co que empata a puntos.
Celta | 1 |
---|---|
Xerez | 1 |
Celta de Vigo: Falcón; Víctor Vázquez, Sergio Ortega, Catalá, Roberto Lago (Dani Abalo, min.52); Bustos, López Garai, Álex López, Trashorras (Michu, min.80), Quique de Lucas; David Rodríguez (Túñez, min.71).
Xerez CD: Chema; Edu Moya, Moreno, Lombán, Raúl Llorente (Redondo, min.63); Bruno Herrero (Héctor Font, min.72), Oscar Díaz (Capdevila, min.79); Jose Mari, Cordero, P. Redondo; Mario Bermejo.
Goles: 1-0, min. 31: Quique de Lucas; 1-1, min. 90: Mario Bermejo.
Árbitro: Gil Manzano (colegio extremeño). Amonestó a Alex López por parte del Celta de Vigo, y a Raúl Llorente, Moreno y Chema por parte de la Xerez.
Incidencias: Encuentro correspondiente a la vigésima jornada de liga en Segunda División disputado en el estadio Balaídos ante 11.839 espectadores, según anunció el club vigués.
O Celta debería haberse levado o triunfo, xa que xogou mellor, pero non foi dos seus mellores partidos.
ResponderEliminar