lunes, 28 de febrero de 2011

Estamos preparados para sufrir?

Diante do Nàstic, igual que sucedeu perante o Tenerife, o Celta tan ben gañou como puido empatar. O ascenso só se conseguirá se hai músculo para sufrir nos malos momentos, se hai control cando a técnica nos abandone.
 Non podemos poñernos soberbios e pensar que o liderado en marzo é garantía de éxito a final de tempada. Non podemos pretender que o Celta ten equipo para apisoar os rivais sen esforzo. Esa non é unha lectura correcta. A mensaxe debe ser a contraria: o sufrimento cada xornada vai ser brutal e só obteremos éxito se hai capacidade de sacrificio e repartición de esforzos.
Por que o Celta non mata os partidos? Simplemente porque non pode. En Tarragona, houbo ocasións para marcar máis goles e nalgunhas fases do partido xogou con brillantez. Pero un equipo en postos de descenso, que xoga na casa e cuxos futbolistas queren reivindicarse, non se pode "neutralizar" tan doadamente. Foi lóxico que o Celta tivese momentos de dúbida, que estivese a piques de sufrir un novo gol, que os seus xogadores perdesen un pouco o fío do partido.
Hai homes que levan o mando do xogo, que están nun momento doce e responden. Eis De Lucas, eis Trashorras, eis Jonathan Vila ou Falcón ou Hugo Mallo e Roberto Lago. Pero tamen hai futbolistas que simplemente cumpren, que van no barco dos gañadores pero aos que non se lles pode pedir máis: López Garai, Michu están para acompañar, non para liderar nada.
As dúbidas do xogo celeste son comúns en toda a categoría. Velaí a caída do Rayo en Huesca. Non hai aquelas distancias insalvábeis entre os líderes e os demais que algúns prognosticaban porque a segunda división é pegañenta e dura coma a calor húmida. Fuxir do pantano vai levar moito traballo e só tendo capacidade de sufrir e a fortuna de puntuar cando as cousas non saian ben de todo, poderemos refrescarnos na praza de América. Pero aínda é cedo para iso. O primeiro é saudar a primavera como primeiros. Lograrémolo?

Más líderes que nunca tras 14 partidos sin perder

1 comentario:

  1. Eu penso que ao Celta lle vai costar ata o final da Liga, e o sufrimento vai pasar varias veces por diante dos xogadores e afeccionados do Celta. Pero ainda asi, penso que acabara ascendendo directamente.

    ResponderEliminar